O investigador Luís Alonso Girgado recibirá o recoñecemento Cunqueiriano de Honra este sábado

O próximo sábado 28 de febreiro, o ensaísta, crítico literario e investigador Luís Alonso Girgado recibirá o recoñecemento de Cunqueiriano de Honra de Mondoñedo 2026 nun acto institucional que se celebrará na cidade de Mondoñedo.
A cerimonia terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00 horas, onde o homenaxeado estará acompañado por autoridades locais e provinciais, membros da comisión encargada da súa designación e representantes do ámbito asociativo e educativo da cidade.
Con este nomeamento, Girgado converterase no décimo persoeiro distinguido desde a creación deste galardón, que busca poñer en valor as achegas culturais relacionadas coa difusión e estudo da figura de Álvaro Cunqueiro.
Previamente ao acto central, ás 11:00 horas desenvolverase a tradicional ofrenda floral no Cemiterio Vello de Mondoñedo, diante da tumba do escritor mindoniense.
Esta homenaxe estará presidida polo alcalde da localidade, Manuel Otero Legide, e contará coa presenza de representantes da administración provincial, autonómica e doutros municipios.
Tanto o Concello de Mondoñedo como a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co obxectivo de recoñecer o traballo de aquelas persoas que contribúen á visibilidade e proxección da figura literaria de Cunqueiro.
Neste ano 2026, unha comisión designada para tal fin decidiu premiar a extensa e sólida traxectoria de Luís Alonso Girgado, considerado un dos grandes coñecedores da obra cunqueiriana nas últimas décadas.
A comisión encargada da elección, que decidiu por maioría, estivo integrada por César Cunqueiro, Xosé Manuel Soutullo, o concelleiro de Cultura Alberto García Fernández, o cronista oficial de Mondoñedo Antonio Reigosa, o técnico municipal Abel Vigo García, o xornalista e investigador da obra cunqueiriana Miguel González Somovilla e o coordinador da Casa Museo Armando Requeixo.
A partir das 12:00 horas desenvolverase o acto central de entrega da distinción no Salón de Plenos do Concello. Durante a cerimonia intervirán as autoridades presentes, e a laudatio do homenaxeado correrá a cargo de Requeixo, responsable da Casa Museo Álvaro Cunqueiro.
Posteriormente tomará a palabra o propio Luís Alonso Girgado, quen pechará o acto cun discurso de agradecemento e reflexión sobre a figura de Cunqueiro e a tradición literaria galega.
Como parte da homenaxe, procederase á lectura pública dunha escolma da obra xornalística cunqueiriana seleccionada polo propio premiado.
Nacido en Ferrol en 1946, Luís Alonso Girgado está considerado un dos máis destacados ensaístas e críticos literarios galegos das últimas décadas. Catedrático de Lingua e Literatura, desempeñou durante anos o cargo de secretario científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Como estudoso da obra de Cunqueiro, foi responsable de numerosas edicións e compilacións da produción xornalística do escritor mindoniense, entre as que destacan Encuentros, caminos y noticias en el Reino de la Tierra (1992), ‘Los días’ en ‘La Noche’ (2012) y ‘Los otros rostros’ (1975-1981) en ‘Sábado Gráfico’ (2013).
Tamén participou na preparación de colectáneas como Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos (2011) e Remuíño de prosas (2011), ademais da recuperación de facsímiles históricos da revista Galiza (1999), publicación dirixida por Cunqueiro nos anos trinta.
Entre os seus traballos editoriais figuran tamén Soma de craridades por Álvaro Cunqueiro e unha carta a Luís Seoane por Santiago Montero Díaz (2011), a edición do poemario Elegías y canciones (2013) e o proxecto audiovisual Álvaro Cunqueiro (1911-1981) (2013).
Na súa etapa como director dos Cadernos Ramón Piñeiro promoveu a publicación de epistolarios como Saiban cantos estas cartas viren… Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961) (2012) e Cunqueiro, destinatario (2014).
Coa designación de Luís Alonso Girgado como Cunqueiriano de Honra de 2026, o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan unha liña de recoñecementos culturais que en anos anteriores distinguiron a figuras como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes, Rexina Vega, César Antonio Molina, Manuel Lourenzo ou Claudio Rodríguez Fer.