O ilusionista Mag Lari chega a Ribadeo

AMariñaXa
Realizará o 15 de decembro o seu espectáculo 'Strafalari' cargado de participación e grandes ilusións
mago-ribadeo
19 Nov 2024

Mag Lari estará en Ribadeo o 15 de decembro co seu espectáculo 'Strafalari'. Será no auditorio Hernán Naval ás 17.00 horas e xa están á venda as entradas. O seu humor, os seus números, o seu vestiario e a súa maneira de facer son as que dan nome a 'Strafalari'. Trátase dun novo espectáculo de maxia, cargado de participación e grandes ilusións.

Mag Lari é ilusionista desde hai 30 anos. Actuou en teatros de toda España e tamén en festivais internacionais de maxia en Francia, Portugal, Alemaña, Suiza e Xapón. No ano 2016 abriu a súa propia escola de maxia en Barcelona para formar a novos talentos. Presentou durante dúas tempadas o programa Pura Magia, de TVE; dirixiu o programa Magic for Humans, de Netflix, e o espectáculo Nada es imposible, do Mago Pop, representado en Madrid, en Barcelona e proximamente en Broadway. Conta con varias publicacións e ten recibido diversos premios e recoñecementos.

A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, explica: “Ribadeo será escenario deste importante espectáculo de maxia o vindeiro 15 de decembro. A cita enmárcase na programación de Nadal da que gozaremos ao longo das vindeiras semanas. Agardamos que a maxia e a ilusión inunde o auditorio municipal ese día e que Mag Lari nos sorprenda a todos”.

0.17107486724854