O Iberia CF impónse no derbi decisivo e certifica o seu ascenso a Primeira Futgal

A Segunda Futgal puxo fin á súa fase regular cun choque que tiña todos os ingredientes dun clásico: emoción, rivalidade e moito en xogo. O Iberia CF e o Celta Barreiros medíronse en As Valgas nun derbi histórico, no que ambos equipos chegaban con opcións de ascenso directo.
O conxunto de San Miguel, que só precisaba non perder por máis dun gol, foi quen de levarse a vitoria por 3-1 e, con ela, o billete directo á Primeira Futgal. Os goles de Iván, Barrera e Pisco selaron un triunfo que xa é parte da historia do club.
O ambiente nas bancadas foi de auténtico espectáculo, con afeccións entregadas e unha celebración que se prolongou tras o remate do partido. O Iberia CF culmina así unha tempada brillante, facendo valer a súa regularidade e carácter competitivo ata o final.