O Iberia CF celebra 90 anos de historia cunha fin de semana de derbis en Barreiros

O Iberia CF de Barreiros celebrou a presentación oficial dos actos polo seu 90 aniversario, unha efeméride que o club afronta cun programa cheo de simbolismo e cun claro protagonismo deportivo. As actividades terán o seu punto álxido esta fin de semana, coa celebración de dous derbis moi agardados pola afección local.
Na rolda de prensa participaron Marcos Rodríguez, presidente do Iberia CF; Manolo Otero “Cadramón”, xefe de Deportes da Xunta en Lugo; e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, que coincidiron en destacar a longa traxectoria da entidade e o vínculo que mantén coa comunidade.
A programación deportiva arrancará o sábado, cando o equipo xuvenil do Iberia CF se vexa as caras co CD Foz nun duelo que se prevé intenso e emotivo. Xa o domingo, será a quenda do conxunto sénior, que se enfrontará ao Ribadeo FC, completando así unha fin de semana de derbis que busca reunir no campo a xogadores, familias e seareiros.
Tanto Otero como Ermida puxeron en valor a importancia social do Iberia CF, ao que cualificaron como “un referente deportivo e formativo no concello”, ademais dun motor de dinamización para a mocidade barreirense. A rexedora subliñou tamén que o 90 aniversario “é unha oportunidade para recoñecer o legado e para mirar ao futuro con novas metas”.
O club agradeceu a asistencia e pediu a máxima difusión dos actos, convidando á veciñanza e ao público da comarca a participar nunha celebración que pretende honrar nove décadas de deporte, convivencia e identidade local.