O humor de Leti da Taberna chega a Barreiros co monólogo 'Enredada'

A programación cultural de Barreiros inclúe esta fin de semana unha proposta de humor dirixida ao público adulto. A artista Leti da Taberna presentará o seu espectáculo 'Enredada' este domingo, 1 de novembro, ás 19.00 horas, no centro sociocultural de San Cosme.
O monólogo, en galego e con perspectiva feminista, aborda en clave irónica a relación da sociedade coas redes sociais e a influencia que estas exercen na vida cotiá. A través de diferentes situacións recoñecibles para o público, a intérprete busca que as espectadoras se identifiquen coas escenas e poidan rir de si mesmas.
A proposta combina humor, reflexión e unha posta en escena chea de enerxía para ofrecer unha mirada crítica sobre o uso das redes sociais e o seu impacto nos hábitos diarios.
A entrada será gratuíta ata completar o aforo do centro sociocultural de San Cosme.