O grupo de participación adolescente de Burela prepara a súa intervención no Parlamento galego polo Día da Infancia

O Grupo de Participación Adolescente (GPA) de Burela está a preparar a súa participación na xornada organizada por UNICEF no Parlamento galego con motivo do Día Mundial da Infancia, que se celebrará o vindeiro 20 de novembro. O colectivo tomou parte a semana pasada nunha nova reunión centrada na preparación desta cita, na que terá a oportunidade de trasladar a súa visión sobre os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes.
Nesta edición, os representantes do grupo intervirán para falar sobre o dereito á educación. Como primeiro paso para abordar esta cuestión, os mozos e mozas participaron nunha partida de Memory baseada nunha edición especial de UNICEF dedicada aos dereitos da infancia. Tamén visionaron un vídeo que lles permitiu achegarse ás diferentes realidades que existen no mundo en relación co acceso ao ensino.
Estas dinámicas serviron para iniciar o traballo de reflexión e preparar as ideas que compartirán no Parlamento galego. A xornada será unha oportunidade para que os adolescentes poidan expresar as súas opinións, coñecer outras experiencias e participar nun espazo de diálogo arredor dos seus dereitos.
O tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, destacou o valor destas reunións como lugares de aprendizaxe e intercambio de puntos de vista. "Estas reunións tamén son unha oportunidade para aprender cousas novas, compartir opinións e preparar xuntos e xuntas o que queremos contar no Parlamento. É importante que se escoite o que pensan os adolescentes sobre temas que tamén nos afectan directamente", sinalou.