O Grupo de Participación Adolescente de Burela gozou dunha xornada de surf como peche do proxecto Xeración Peixe

Os integrantes do Grupo de Participación Adolescente (GPA) de Burela participaron este pasado venres nunha xornada de surf organizada polo Concello de Burela en colaboración co club de surf local.
A actividade enmárcase no proxecto Xeración Peixe, unha iniciativa impulsada pola Fundación Expomar e financiada polo GALP A Mariña-Ortegal, na que os mozos e mozas do GPA levan participando durante os últimos meses.
A sesión de surf foi concibida como un agasallo pola súa implicación no desenvolvemento do proxecto, co propósito de ofrecerlles unha experiencia de lecer e convivencia relacionada co mar. Ao longo da xornada, os participantes tiveron a oportunidade de iniciarse na práctica deste deporte e de coñecer algunhas das súas nocións básicas.
O Grupo de Participación Adolescente é un espazo promovido polo Concello de Burela para fomentar a participación da mocidade na vida municipal, recoller as súas propostas e implicala en diferentes proxectos e iniciativas de carácter social, cultural e educativo.
Pola súa banda, o proxecto Xeración Peixe ten como finalidade achegar as novas xeracións á realidade do sector pesqueiro e á identidade mariñeira de Burela, abordando cuestións relacionadas coa sustentabilidade, a cultura do mar e a relevancia económica e social da actividade pesqueira.
Con esta actividade, os integrantes do GPA completaron a súa participación no proxecto cunha experiencia lúdica e deportiva estreitamente vinculada á contorna costeira de Burela.