O gran mestre Liming Yue impartirá un curso de Tai Chi en Ribadeo o 14 e 15 de xuño

AMariñaXa
A cita, organizada polo Chen Style Tai Chi Center de Xixón e co apoio do Concello, reunirá no pavillón Alfredo Deaño a unha das máximas figuras internacionais desta arte marcial
xornada-tai-chi-Ribadeo-2025
2 Jun 2025

O pavillón municipal da rúa Alfredo Deaño, en Ribadeo, acollerá os vindeiros días 14 e 15 de xuño un curso intensivo de Tai Chi a cargo do recoñecido mestre Liming Yue, figura internacional de referencia nesta disciplina ancestral chinesa.

A actividade está organizada polo Chen Style Tai Chi Center de Xixón e conta coa colaboración do Concello de Ribadeo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima “a todas as persoas afeccionadas ao Tai Chi a non perder esta oportunidade única de aprender dun gran mestre. Trátase dunha ocasión excepcional para mellorar a práctica e afondar no coñecemento desta arte marcial tradicional”.

Liming Yue iniciouse nas artes marciais en China aos once anos, e ao longo da súa traxectoria tivo a oportunidade de formarse con algúns dos máis destacados mestres de Tai Chi do país. Ademais, especializouse en Qigong Interno da man de expertos procedentes do mosteiro da montaña Nanyue e do parque forestal de Zhangjiajie, ambos enclaves de gran tradición espiritual e marcial.

En 1995 trasladouse ao Reino Unido, onde fundou o Chen Style Tai Chi Centre, desde o que desenvolve unha intensa actividade docente por toda Europa. Impartiu seminarios e cursos para formar instrutores en múltiples países, e tamén publicou libros, vídeos e outros materiais pedagóxicos dedicados ao ensino do Tai Chi.

Na actualidade, Liming Yue tamén colabora coa Facultade de Medicina da Universidade de Leeds, onde imparte técnicas de Tai Chi aplicadas á saúde, e exerce como profesor a tempo parcial na Universidade de Salford.

En recoñecemento á súa traxectoria, en 2009 foi nomeado embaixador internacional da promoción do Tai Chi pola organización de Chenjiagou —berce do estilo Chen— e polas autoridades locais chinesas, distinción que certifica a súa relevancia no panorama mundial desta disciplina.

O curso celebrarase no pavillón da rúa Alfredo Deaño e está aberto a persoas de distintos niveis. Para obter máis información ou formalizar a inscrición, as persoas interesadas poden contactar co número de teléfono 636 39 93 95.

⚙ Configurar cookies
0.16516304016113