O GPP reclama ao Executivo garantir a competitividade de Alcoa

AMariñaXa
Patricia Otero (PSdeG) acusou a PP e BNG de “pactar a favor das empresas” e non dos traballadores
Alcoa--mellora-da-eficiencia-enerxetica
14 Nov 2024

O deputado do Grupo Parlamentario Popular (GPP), Francisco Conde, destaca que a industria electrointensiva supón no país o 14,7 % do PIB, xera case tres millóns de empregos directos e o 13,3 % de ocupados. Reclama ao Executivo que garanta tamén a competitividade da planta de Alcoa, á vez que lamenta que o Goberno se convertera “nun problema para Galicia, Asturias, Cantabria e para o resto do territorio onde temos industria electrointensiva”.

“O Goberno que prometía a transición ecolóxica acabou sendo o da parálise industrial e renovable”, censura, tendo en conta que resalta que a escalada dos prezos da enerxía levou a esta industria a unha perda progresiva da competitividade, que se traduciu en recortes na produción ou na súa deslocalización cara a outros países.

Denuncia que o prezo final que ten que asumir a electrointensiva en España é tres veces superior ao de Francia e dúas veces superior ao de Alemaña, á vez que afirma que o Goberno é “a nada” en materia industrial pola súa incompetencia para establecer un prezo estable e competitivo, tres anos despois da aprobación do Real Decreto que regula o Estatuto destes consumidores. A iniciativa do GPP esixe modificar devandito Estatuto e incrementar as axudas ao sector ata o límite do 25% dos ingresos por compensacións de CO2, pasando dos 300 millóns comprometidos polo Goberno aos 896 millóns que permite a Comisión Europea.

A proposta do Grupo Popular aprobada en Comisión tamén pide ao Goberno “axilizar a tramitación e activación de poxas específicas de enerxía renovable para consumidores industriais intensivos en enerxía”.

O PSDEG RECLAMA QUE NON SE PENSA "NOS TRABALLADORES DE ALCOA"

A parlamentaria socialista da Mariña luguesa no Congreso, Patricia Otero, acusou a PP e BNG de “pactar a favor das empresas” no canto de defender aos traballadores da planta de Alcoa. Así o dixo logo do debate da proposta presentada polo PP na Comisión de Industria do Parlamento que apoiou o BNG “pensando só nas empresas e non nos traballadores”.

Otero presentou pola súa banda unha emenda a esta iniciativa para reclamarlle á Xunta que colabore co Ministerio para velar polo cumprimento do acordo de viabilidade aprobado polos traballadores, e acompañalos en todo o proceso “velando pola garantía dos seus dereitos e polo mantemento dos seus postos de traballo”.

Lamentou que o PP se negara a incorporar na súa iniciativa esta proposta na que a socialista galega tamén lle reclamaba ao Goberno central que continúe ampliando as axudas para os consumidores electrointensivos. Lembrou que esta liña de axudas busca asegurar a competitividade das empresas no mercado europeo en igualdade de condicións, incrementando a dotación orzamentaria dentro do límite do 25 por cento dos ingresos de dereitos de emisións de CO2.

A responsable socialista acusou ao portavoz do PP de provocar un “paripé para atacar ao Goberno”, continuando coa súa “obsesión” da etapa que despregou como conselleiro de Industria en Galicia, onde “non lle preocupaba a súa xestión, nin a viabilidade de Alcoa, nin o emprego e os traballadores, senón atacar ao goberno central a calquera prezo”.

Afeoulle que non destine “nin unha sola liña aos traballadores” da empresa, obviando ademais o anuncio da participación doutra empresa no proxecto de Alcoa, poñéndose “sempre do lado da empresa” á que incita a abrir unha fronte xudicial e a “saquear o peto dos españois e dos galegos e galegas en lugar de defender aos traballadores”.

Lamentou que no único momento no que se lembra das persoas que traballan na planta sexa precisamente para cuestionar o acordo de ao que chegaron de forma lexítima para garantir a continuidade da actividade industrial. Reivindicou: “Os socialistas galegos temos sido os únicos que apoiamos o acordo e a decisión dos traballadores dende o primeiro momento”, mentres o PP se preocupaba unicamente de sinalar ao Estado e eludir a responsabilidade da empresa.

 

0.1657190322876