O goberno local de Ribadeo defende a colaboración con asociacións fronte ás críticas do BNG

AMariñaXa
O executivo municipal asegura que as achegas destinadas a pinchos e apoio loxístico forman parte da colaboración habitual con colectivos, congresos e voluntariado do concello
concello-ribadeo-2026
22 May 2026

O equipo de goberno de Ribadeo saíu ao paso das críticas realizadas polo BNG nas últimas horas sobre os gastos destinados a actos, recepcións e pinchos vinculados a actividades organizadas no municipio. Desde o executivo local consideran que os nacionalistas están cuestionando a propia colaboración institucional co tecido asociativo, cultural e social da vila.

O goberno municipal asegura que mantén unha liña de cooperación constante con entidades, colectivos e asociacións de todo o concello, colaborando na organización de actividades de distinta índole e facilitando apoio loxístico ou pequenas achegas para recepcións e pinchos en locais hostaleiros de Ribadeo.

Segundo explican desde o executivo, o que parece molestar ao BNG é precisamente que o Concello participe e apoie este tipo de iniciativas. “Entendemos que o BNG o que critica é que colaboremos coas distintas asociacións e colectivos que promoven actos”, sinalan, ao tempo que lembran que moitas destas colaboracións se limitan á cesión de espazos municipais ou á contratación dun pequeno servizo de hostalaría.

O goberno local insiste en que as críticas nacionalistas afectan tamén a eventos de carácter profesional e social celebrados en Ribadeo nos últimos anos. Entre eles citan congresos e encontros vinculados á cardioloxía, pediatría, turismo ou iniciativas sociais como o Foro Down, actividades que, segundo destacan, contribúen á dinamización da vila e á súa proxección exterior.

“Nosoutros non colaboramos economicamente con eles, senón que deixamos o espazo, por exemplo o auditorio, e colaboramos cun pincheo que se fai en diferentes locais hostaleiros de Ribadeo”, explican desde o executivo municipal, que considera que se está intentando trasladar unha imaxe distorsionada da realidade.

Desde o goberno tamén poñen o foco no labor desenvolvido por numerosos voluntarios que colaboran ao longo do ano na organización de actividades impulsadas polo Concello. Neste sentido, lembran eventos como a Carreira Nocturna, o Congreso Fest Classic, a San Silvestre ou a Cabalgata de Reis, nos que participan decenas de persoas de maneira altruísta.

“O que nos preguntamos é se o BNG critica que tamén colaboremos cos voluntarios”, sinalan desde o executivo, defendendo que os gastos destinados a pequenos ágapes ou recepcións son unha forma de agradecemento ao traballo realizado por colectivos e persoas implicadas na vida social do municipio.

O equipo de goberno subliña ademais que o gasto protocolario do Concello destinado a menús, invitacións ou recepcións institucionais rolda os cinco mil euros, unha cifra que consideran moi afastada das interpretacións realizadas polo BNG. “Hai que diferenciar e non confundir á sociedade”, apuntan, criticando o que consideran unha utilización política destas partidas.

Desde o executivo local lamentan especialmente que se intente presentar como un gasto excesivo unha colaboración que, segundo defenden, repercute directamente no movemento asociativo e tamén na actividade económica de negocios hostaleiros do municipio.

Outro dos aspectos abordados polo goberno municipal foi a polémica arredor da cea institucional vinculada ao irmandamento con Loctudy. Desde o executivo aseguran que resulta “sorprendente” que persoas vinculadas ao BNG, que no seu momento apoiaron a colaboración do Concello neste evento, cuestionen agora o gasto destinado á iniciativa.

“Vamos ter que deixar de colaborar. Estas críticas non teñen ningún sentido”, sinalan desde o goberno local, que considera incoherente cuestionar agora actividades que historicamente contaron con respaldo institucional e social.

O executivo insiste en que seguirá mantendo a súa política de colaboración co tecido asociativo e cos colectivos que promovan actividades culturais, deportivas, sociais ou profesionais en Ribadeo, defendendo que este apoio contribúe á dinamización da vila e ao fortalecemento da vida comunitaria.

0.11537599563599