O Goberno levará ao Pleno do día 27 a aprobación das bases do Plan Único
Por terceiro ano consecutivo, o Executivo provincial saca adiante o programa de investimentos no exercicio anterior ao seu período de vixencia, o que permite aos Concellos planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poden aproveitar mellor os fondos.
O Goberno da Deputación de Lugo anuncia que elevará ao Pleno ordinario deste mes, que terá lugar o vindeiro martes, 27 de decembro, o debate e aprobación das bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2023, ao que destina 21,5M€ para desenvolver actuacións en materia de infraestruturas, creación de emprego, Servizo de Axuda no Fogar, actividades, eventos, administración electrónica ou protección civil.
Desta forma, por terceiro ano consecutivo, o Executivo provincial saca adiante o programa de investimentos no exercicio anterior ao seu período de vixencia, o que permite ás entidades locais planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poidan poden aproveitar mellor os fondos.
Ao aprobarse neste mes as bases do Plan Único, o Goberno da Deputación prevé que no mes de xaneiro xa se poida abrir o prazo para que os concellos presenten os proxectos que queren desenvolver cos fondos do Plan Único.
Como xa se puxo en marcha na anualidade anterior e para facilitar a tramitación administrativa, algo moi importante sobre todo para os concellos máis pequenos, establécese que só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, explica que esta medida “forma parte do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos. Cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas. Así se vén facendo nos últimos anos”, subliña o mandatario provincial.
Reparto por criterios públicos e obxectivos
O Plan Único 2023 mantén a súa esencia, como é a distribución dos fondos en función de criterios públicos e obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística.
Estes criterios establecen unha contía máxima de 500.000 e mínima de 200.000€, coa que se blinda o financiamento dos concellos máis pequenos.