O Goberno de Viveiro prevé un orzamento de ata 15 millóns para 2025

AMariñaXa
Mariña Gueimunde e Martín Vale denuncian unha herdanza de facturas impagadas, débedas ocultas e proxectos sen tramitación por parte do anterior executivo
Viveiro-Orzamento-2025-do-Concello-de-Viveiro-sera-de-entre-14,5-e-15-millons-de-euros-(1)
16 May 2025

Dous meses despois da moción de censura que os situou á fronte do Concello de Viveiro, a alcaldesa Mariña Gueimunde e o tenente de alcaldesa Martín Vale fixeron balance da xestión realizada e avanzaron parte das liñas principais do novo orzamento municipal para 2025, que estiman entre os 14,5 e os 15 millóns de euros. “A nosa intención é levalo canto antes ao pleno”, aseguraron.

Ambos dirixentes coincidiron en sinalar que o actual Goberno local traballa en situación de desvantaxe debido á “herdanza” do anterior executivo bipartito, ao que acusan de deixar unha morea de facturas sen atender, subvencións sen cobrar e gastos sen cobertura contractual. “Estamos arrastrando un lastre de máis de 800.000 euros en obrigas impagadas e documentos sen proposta de gasto. A secretaria e a interventora xa advertiran que non se podían facer as cousas así”, apuntou Vale.

A alcaldesa engadiu que o novo equipo está a recibir facturas de 2024 e mesmo de 2023, o que engorda unha débeda que xa supera os 900.000 euros. “O máis grave é que moitos deses gastos non responden a necesidades reais. Estamos pagando os erros doutra xestión”, lamentou Gueimunde.

No tocante á débeda financeira, o executivo asegura que esta se sitúa por debaixo dos sete millóns de euros e representa o 48% dos ingresos municipais. Con todo, explican que o que máis lles preocupa é o gasto corrente, que cualifican de “difícil de encaixar”.

Entre os exemplos que puxeron sobre a mesa está unha recente sanción de 2.700 euros imposta por Costas debido á instalación dunha carpa nos xardíns durante o Entroido. “O anterior goberno comprometeuse a tramitar os permisos, pero non o fixo. Agora a multa pagaraa este Concello con cartos de todos os veciños”, denunciou a rexedora.

Proxectos e iniciativas en marcha

Gueimunde tamén enumerou varios proxectos nos que o novo Goberno está traballando, como a reactivación da Praza de Abastos, para a que se está buscando unha subvención que permita a súa rehabilitación. Mentres non se executan as obras, xa se sacaron a licitación novos postos para dinamizar o espazo.

Outras iniciativas inclúen o reinicio das obras no porto de Celeiro, a licitación dunha nova empresa enerxética, a expropiación de parcelas na Xunqueira, o impulso do PXOM e a adxudicación das obras no colexio Santa Rita de Galdo. Tamén se estuda con Portos de Galicia a creación dun paseo marítimo e a recuperación da casa do peirao como espazo cultural e escénico.

En materia de infraestruturas, destaca a rexeneración do sistema de abastecemento de auga entre Landrove e Magazos, en coordinación coa Consellería de Medio Ambiente.

A alcaldesa subliñou ademais a necesidade de organizar os espazos municipais: “Non hai un rexistro que recolla quen está a usar os locais do Concello, nin sabemos en que estado están. Temos que poñer orde nas nosas infraestruturas”, declarou.

Relación cos colectivos e contactos institucionais

Gueimunde explicou que continuarán as reunións con asociacións e colectivos veciñais para informar dos procedementos de asignación de axudas, especialmente de cara a 2026. “As entidades deben saber con antelación de que recursos dispoñen para planificar actividades”, afirmou, facendo fincapé tamén na aposta polo deporte base.

Pola súa banda, Martín Vale revelou que detectaron unha partida de 130.000 euros sen liquidar.

No plano institucional, a rexedora asegurou que mantivo xa contactos con varios conselleiros da Xunta, aínda que, segundo lamentou, non foi recibida polo presidente galego, nin polo delegado do Goberno nin polo presidente da Deputación. “Ao día seguinte de acceder ao cargo pedín cita cos tres, pero non obtiven resposta. Sería bo que o señor Tomé me explicase que pasará con ese millón de euros que prometeu para evitar a moción de censura”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.15837693214417