O goberno de Foz acusa ao PP de “bloquear” o pago de facturas e critica a súa postura sobre o PAC

Foz
AMariñaXa
Fran Cajoto asegura que populares e BNG retrasaron o abono de máis de 466.000 euros e lamenta o voto en contra á creación dun punto de atención continuada no municipio
FRAN-CAJOTO-ALCALDE-DE-FOZ-2026
8 May 2026

O goberno municipal de Foz cargou duramente contra o Partido Popular local tras o último pleno da corporación, no que saíu adiante unha emenda presentada polos populares co apoio do BNG para deixar sobre a mesa o recoñecemento extraxudicial de crédito correspondente a facturas do exercicio 2025 por importe de 466.625 euros. O alcalde, Fran Cajoto, acusou ao PP de actuar “con ánimo de bloqueo” e de prexudicar aos provedores e empresas que están pendentes de cobrar.

O rexedor socialista asegurou que o executivo municipal estaba seguindo o procedemento indicado polos servizos técnicos para tramitar estes pagos, lembrando que o único reparo recollido no informe de intervención fai referencia ao principio de anualidade ao tratarse de gastos do pasado exercicio. Segundo explicou, moitas das facturas chegaron ao Concello nos últimos meses do ano e non puideron ser tramitadas a tempo.

Cajoto considera que a decisión adoptada polo pleno responde a unha estratexia política do PP local. “Din que queren que as empresas cobren, pero ao mesmo tempo paralizan os pagos”, sinalou o alcalde, quen criticou que os populares non cuestionasen ningunha factura concreta e que o seu único obxectivo sexa, ao seu xuízo, dificultar a acción do goberno municipal.

En relación aos orzamentos municipais de 2026, cuestión esgrimida polo portavoz popular Javier Castiñeira, o alcalde explicou que xa existen contactos co BNG e un primeiro borrador das contas, despois da incorporación da nova interventora municipal o pasado mes de marzo. Ademais, defendeu a situación económica do Concello, asegurando que Foz mantén aforro neto positivo e remanente de tesourería, tal e como recolleu recentemente o Consello de Contas.

O rexedor tamén lembrou que o Plan Económico Financeiro do Concello recomenda axilizar os pagos aos provedores, polo que considera contraditorio que a oposición frease esta operación. Neste sentido, advertiu de posibles consecuencias patrimoniais para os membros da corporación ao impedir o pago de facturas xa recoñecidas.

Durante a sesión plenaria tamén se debateu unha moción presentada polo PSdeG-PSOE para reclamar a creación dun PAC no centro de saúde de Foz. A iniciativa contou co voto en contra do Partido Popular, unha postura que Cajoto cualificou de “incomprensible”, especialmente tras os cambios organizativos impulsados pola Xunta nos centros de saúde. O alcalde lamentou que o PP defendese que o servizo continúe centralizado en Burela e acusou aos populares de antepoñer intereses partidistas ás necesidades asistenciais da veciñanza.

0.10350799560547