O GDR Terras de Miranda promove un turismo sostible e todo o ano na Mariña

AMariñaXa
A entidade impulsa unha nova plataforma dixital para dar visibilidade á oferta local e anima a concellos e empresas a participar na promoción do territorio tamén en outono e inverno
gdr-terras-miranda-logo-dixitalizacion
21 Jul 2025

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda vén de poñer en marcha unha iniciativa orientada a potenciar o turismo na Mariña lucense desde unha perspectiva sostible, de calidade e non masificada, coa mirada posta nun reto clave: romper coa estacionalidade que concentra a maior parte das visitas nos meses de verán.

Neste contexto, o GDR ofrece a concellos e empresas da comarca a posibilidade de incorporar as súas propostas turísticas a un novo portal web, deseñado especificamente para dar visibilidade a experiencias e actividades que se poden gozar no territorio ao longo de todo o ano.

Este espazo dixital, que será o escaparate principal do proxecto, complementarase cunha estratexia de difusión nas redes sociais e campañas de márketing orientadas a promover as ofertas de outono e inverno, co obxectivo de atraer visitantes durante os meses tradicionalmente considerados “vales turísticos”.

Desde a entidade sinalan que esta iniciativa busca dinamizar o sector e fortalecer o tecido local, ofrecendo alternativas aos modelos de turismo masificado. “Queremos poñer en valor a riqueza da Mariña desde outra óptica, cun turismo que respecta o territorio e que se pode desfrutar durante todo o ano”, explican.

As entidades interesadas en sumar os seus contidos ao portal poden facelo contactando con Julio Sánchez, responsable da empresa que xestiona a oficina técnica do proxecto, a través do correo electrónico juliosanchez@imbatia.es.

⚙ Configurar cookies
0.20278215408325