O GDR Terras de Miranda asesora en dixitalización a 15 empresas
O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda está desenvolvendo dentro da medida Leader en colaboración con AGADER, un programa de asesoramento empresarial co obxectivo de revitalizar e impulsar ás empresas agroalimentarias e turísticas do seu territorio.
Este programa ten como obxectivos mellorar as competencias dixitais do sector empresarial, apoiar o tecido produtivo do territorio na súa actualización, incrementar o grao de adaptación das empresas do territorio á situación actual provocada pola COVID-19 e colaborar co sector primario e terciario de cara ao desenvolvemento económico que abrangue o GDR Terras de Miranda.
Das 15 empresas beneficiarias deste programa de asesoramento, 7 pertencen ao eido do sector agroalimentario: A Leira Ecotenda, Ecohorta da Costa, Mel do Rego da Xeada, Muiñeiras de Requiande, Mel O Trobo, Panadería Lorenzo e Panadería Rubal, mentres que outras 8 pertencen ao sector turístico: Apartamentos A Palleira, Araucaria House, A Balea Verde, Casa da Penela, Finca El Remanso, Hotel Montero, Hotel Residencia Mediante e Oli Vita Hostel Albergue.
Estes establecementos están recibindo visitas presenciais nas que se analiza a súa situación actual para identificar as áreas de mellora e oportunidades, con especial foco no ámbito da comunicación dixital para mellorar a súa competitividade no contexto económico post-covid.
O programa estará activo ata finais do mes de outubro, cando se realizará unha xornada de presentación de resultados.