No aire o futuro das Festas Patronais e da Festa Castrexa de Burela

AMariñaXa
A Comisión de Festas das Patronais e a asociación Burela Castrexa comunican que non continúan
Burela festas patronais 2022
18 Nov 2024

A Comisión das Festas Patronais de Burela 2024 comunicaba aos veciños e veciñas a súa decisión "importante e urxente" que afecta ao futuro da organización das festas patronais. Pouco despois, a directiva da asociación Burela Castrexa tamén trasladaba que se facían a un lado.

"Como membros da Comisión de Festas, ao longo deste último ano puxemos todo o noso esforzo, dedicación e ilusión para levar adiante unhas festas dignas do noso pobo. Fixémolo co corazón, con paixón e coa única intención de manter vivas as nosas tradicións e fortalecer o espírito de comunidade. Porén, tras este ano de traballo, e por razóns de forza maior, vémonos na obriga de anunciar a nosa intención de dimitir en bloque como xunta directiva", expresaban.

Consideran que chegou o momento de que outras persoas tomen o relevo e acheguen novas enerxías e ideas ao labor organizativo. Por este motivo, dan un prazo de 15 días para que se constitúa un novo equipo que asuma a dirección da Comisión de Festas. De non haber relevo dentro deste período, a asociación quedaría automaticamente disolta.

"Facemos este chamamento coa esperanza de que aparezan persoas dispostas a continuar este traballo tan importante para a nosa comunidade. As festas son un reflexo da nosa identidade como pobo, un motivo de orgullo colectivo e unha oportunidade de unión. Co apoio de todos, sabemos que poden seguir adiante", trasladan.

Agradecen a "a todos aqueles que nos apoiaron neste último ano, que colaboraron connosco e que fixeron posible que as festas saísen adiante. Foi un pracer e unha honra traballar polo noso pobo, e desexamos que este espírito de colaboración continúe".

A DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN BURELA CASTREXA TAMÉN DIMITE

"Boas castrex@s, hoxe achegámonos a vós non con boas novas, senón con algo que nos pesa profundamente comunicar. Despois de varias reunións e moita reflexión, a actual directiva da asociación Burela Castrexa chegou á difícil decisión de dar un paso ao lado. Por razóns diversas, resúltanos imposible continuar ao fronte desta gran familia", comunicaban desde a directiva da asociación Burela Castrexa.

Como organizadores da Festa Castrexa, consideran que é parte esencial da comunidade, un evento que une, que celebra as súas raíces e que enche o pobo de vida e orgullo. Por este motivo, para que esta tradición non se perda e para que a Festa Castrexa poida continuar no ano 2025 e nos anos vindeiros: "Facemos un chamamento a todos os veciños e veciñas de Burela, aos amantes da nosa cultura e ás asociacións do noso pobo. É vital atopar un relevo directivo que manteña viva esta festa, que tanto significa para todos nós".

Así, convocan a unha reunión o próximo 27 de novembro na Antiga Biblioteca. Será un momento crucial para o futuro da asociación Burela Castrexa. "Con todo o noso pesar, debemos informar que, no caso de non formarse unha nova directiva, a asociación procederá á súa disolución. As contas bancarias serán liquidadas, destinando os fondos sobrantes a doazóns para outras asociacións locais", sinalan.

Expresan a máis sincera gratitude por todos estes anos de apoio, ilusión e compromiso.  "Con todo o noso corazón, desexamos que a tradición continúe, que a nosa festa siga viva e que Burela siga sendo un exemplo de unidade e orgullo cultural. Oxalá que isto sexa un punto de inflexión e non un final", manifestan desde a directiva da asociación Burela Castrexa.

 

 

0.17098784446716