O Forte de San Damián de Ribadeo, un centro de interpretación con visitas teatralizadas e xornadas de divulgación

AMariñaXa
Ribadeo recibe unha subvención de 200.
18 Abr 2024

Ribadeo recibe unha subvención de 200.000 euros do Galp A Mariña-Ortegal para poñer en valor o Forte de San Damián. O alcalde, Dani Vega, subliñou a importancia desta achega. O rexedor declarou que seguen xestionando subvencións “para darlle un impulso ao noso pobo e para darlle contido e tamén a restauración necesaria dos nosos edificios públicos”. Neste caso, “falamos da maior subvención que vai percibir unha institución, 200.000 euros que o GALP, que a Xunta de Galicia, vai aportar a Ribadeo”.

Vega asegura que precisan “darlle un contido ao noso Forte de San Damián. E desde logo este monumento, este baluarte da historia, que ten un pasado e un presente de divulgación, de ofrecer esa explicación do que foi Ribadeo no pasado, pois eu creo que é unha subvención moi importante”.

O alcalde ribadense dixo que “son 200.000 euros para traballar nos próximos anos”. Trátase dunha subvención de dúas anualidades 2024-2025. A primeira parte irá destinada a poñer en valor todo o legado histórico, con xornadas de divulgación e con visitas teatralizadas e no 2025 equiparemos o Forte de San Damián para que se converta nese centro de interpretación.

“O que imos facer alí é poñer en valor todo o noso legado histórico entre os séculos XVI e XVIII, cando Ribadeo era ese referente no Cantábrico co seu porto comercial, o importante que foi e que é. Aí comezou o crecemento de Ribadeo e nos o que queremos é poñer en valor ese baluarte defensivo”, asegura.

Para o rexedor é a axuda máis importante da provincia de Lugo. “Grazas aos traballadores municipais e grazas tamén ao traballo conxunto e dinámico que temos no Concello. Este é un día que debemos celebrar porque estamos a xestionar subvencións para que Ribadeo siga medrando”.

0.082890033721924