O Foro Social da Mariña inicia un ciclo sobre memoria histórica

Foz
AMariñaXa
Reflexionará sobre os verdugos das matanzas do golpe de estado de 1936 e do réxime posterior
memoria-social-foro-marina
18 Dec 2024

O Foro Social da Mariña dá comezo a un ciclo centrado na Memoria Histórica, que se inaugurará o vindeiro venres, 20 de decembro, cunha conferencia-coloquio no CENIMA de Foz ás 19.30 horas. O evento leva por título "Verdugos invisibles de vítimas coñecidas" e contará coa participación de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de historia contemporánea da USC.

Na súa intervención, Fernández Prieto abordará un enfoque innovador e pouco tratado sobre o pasado recente, reflexionando sobre os verdugos das matanzas do golpe de estado de 1936 e do réxime posterior, analizando as lóxicas que os motivaron, as súas accións e a forma en que se agocharon no relato oficial ao longo da ditadura.

O Foro Social da Mariña destaca a importancia de afrontar estes temas nun momento no que certos discursos intentan dulcificar ou ensalzar o réxime ditatorial do franquismo, nun contexto de avance de movementos totalitarios en Europa e no mundo. "Nun tempo no que a ultradereita está a implementar unha estratexia de branqueo e loubanza do franquismo, nun contexto de avance dos totalitarismos na Europa e no mundo; e nunha sociedade na que e o pacto de silencio e a desmemoria cumpriron unha función solapadora das atrocidades e responsabilidades derivadas dun réxime ditatorial", afirman desde o Foro.

O ciclo desenvolverase ao longo de 2025, coincidindo co 50º aniversario da morte do ditador, co obxectivo de promover a reflexión crítica sobre o pasado e as súas repercusións na sociedade actual.

 

 

0.078092098236084