O Folgueiro League regresa con forza ao campo de Boavista

AMariñaXa
O torneo de fútbol 7 celebrarase os días 12 e 13 de xullo en dúas categorías, sénior e sub 18, cunha ampla participación e premios en metálico
folgueiro-League-vicedo-portada
20 Jun 2025

Os días 12 e 13 de xullo, o campo de Boavista acollerá unha nova edición do Folgueiro League, un torneo de fútbol 7 organizado pola Unión Deportiva Folgueiro que se consolida como unha cita deportiva destacada do verán na Mariña. A competición contará con dúas categorías: a tradicional sénior e a xa consolidada Folgueiro League Baby, destinada a xogadores e xogadoras sub 18.

A organización prevé unha participación elevada, e ofrecerá premios en metálico e trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría. No caso da categoría sénior, o equipo gañador recibirá 800 euros e trofeo, mentres que o segundo e o terceiro clasificado recibirán 450 euros e 200 euros respectivamente, ademais dos seus correspondentes trofeos. O cuarto posto será recompensado coa inscrición gratuíta na seguinte edición e tamén un trofeo. A cota de inscrición nesta categoría é de 160 euros, incluíndo o seguro de participación.

Na categoría sub 18, os premios serán de 350, 200 e 150 euros para o primeiro, segundo e terceiro posto, ademais dos trofeos. Os equipos que desexen competir nesta categoría deberán aboar unha cota de 120 euros, que tamén inclúe seguro. No caso de que algún equipo sub 18 queira competir tamén na categoría sénior, a cota ascende a 160 euros.

Ademais dos premios colectivos, o torneo entregará trofeos especiais ao máximo goleador e ao mellor porteiro, recoñecendo así o esforzo individual dentro do xogo en equipo.

A organización lembra que o último día para formalizar a inscrición é o luns 7 de xullo, coa celebración do sorteo de emparellamentos no Bar Alba de Folgueiro ás 20:30 horas dese mesmo día. Os equipos deberán realizar o ingreso da cota na conta de Abanca facilitada pola organización: ES54 2080 0147 1130 0002 4573.

Para máis información ou dúbidas, os interesados poden contactar cos teléfonos 696 843 741, 678 164 085 ou 626 597 114.

O evento conta coa colaboración do Concello de O Vicedo e da Deputación de Lugo, nunha aposta conxunta polo deporte de base e a dinamización social da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.21441006660461