O folclore tradicional galego fará parada este domingo en Burela da man de Xacarandaina

O Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina actuará este domingo, 19 de xullo, na praza da Mariña de Burela dentro da programación de Danza3, unha iniciativa promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Federación XOC. O espectáculo comezará ás 19.00 horas.
A formación ofrecerá ao público un percorrido por diferentes bailes, músicas e traxes tradicionais de Galicia, elementos que forman parte do Patrimonio Cultural Inmaterial galego. A actuación permitirá achegar unha mostra da riqueza do folclore galego da man dun dos colectivos de referencia neste ámbito.
Cando está a piques de cumprir medio século de traxectoria, Xacarandaina consolidouse como unha das agrupacións máis recoñecidas polo seu labor na conservación, divulgación e posta en valor da música e do baile tradicional galegos.
A concelleira de Cultura de Burela, Lina Gómez, puxo en valor a presenza da agrupación na programación cultural do municipio e afirmou: “É unha satisfacción poder traer a Burela unha agrupación do prestixio de Xacarandaina. Apostar pola música e o baile tradicional é apostar pola nosa identidade e por manter vivo o noso patrimonio cultural a través de espectáculos de gran calidade”.
“Este tipo de actuacións tamén serven para poñer en valor o importante traballo que desenvolven durante todo o ano as asociacións de música e baile tradicional do noso concello. Agardamos que a praza da Mariña volva encherse para gozar dunha tarde de cultura e tradición galega”, destacou a edil.