O Festival Folclórico Internacional do Emigrante celebrará a súa 43ª edición o 8 de agosto en San Miguel de Reinante

O Campo de Fútbol As Valgas, en San Miguel de Reinante (Barreiros), acollerá o vindeiro 8 de agosto, a partir das 21.30 horas, a XLIII edición do Festival Folclórico Internacional do Emigrante, unha cita consolidada no calendario cultural galego e recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Nesta edición participarán o grupo Ngwao Letshwao Performing Arts, procedente de Botswana; a Philippine Performing Arts Company, de Filipinas; e a asociación folclórica O Arco da Vella, de San Miguel de Reinante.
O festival celébrase de maneira ininterrompida desde 1980 o primeiro sábado de agosto e converte cada ano a parroquia de San Miguel de Reinante nun punto de encontro para grupos de danza e música tradicional de Galicia, doutras comunidades autónomas e de distintos países dos cinco continentes.
Organizado pola asociación folclórica O Arco da Vella, o certame recibiu no ano 2007 a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia, un recoñecemento á súa singularidade, ao seu arraigamento e ao valor cultural adquirido ao longo da súa traxectoria.