O Festival das Minas na Pontenova contará con novas dinámicas para a inclusión
A Asociación Cultural e Deportiva As Minas da Pontenova ultima os preparativos para unha nova edición do Festival das Minas que celebran este sábado– 14 de decembro– coa colaboración da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que este ano presenta un formato renovado, con actividades dirixidas a público infantil e familiar durante o día e con novas dinámicas para a inclusión das persoas con discapacidade auditiva con intérpretes de lingua de signos e mochilas vibratorias ao dispor do público.
A deputada Iria Castro, que se achegou á Pontenova, valorou “a aposta do colectivo organizador por avanzar na inclusividade das propostas musicais e lúdicas do programa” e subliñou que “para a Vicepresidencia da Deputación de Lugo é unha prioridade dar apoio ás iniciativas que parten do tecido asociativo, porque entendemos que a fortaleza do asociacionismo é fundamental para o dinamismo cultural e social".
A xornada comeza ás 12.00 horas cunha andaina guiada e gratuíta pola Ruta das Minas. Pola tarde, o programa diríxise ao público infantil coa presenza de Os Bolehas e uncontacontos inclusivo con DI e Amorodos. Ás 19.00 horas, toma protagonismo a música cun pasarrúas do Grupo Tambukda que tamén animará a degustación gratuíta de callos na carpa da asociación -ás 20.00 horas-. As propostas estrela da xornada son o show “Aquí tou” de Xosé Antonio Touriñán -ás 22.30 horas- e a actuación do grupo Gin Toni´s (00.00 horas).