O Festival Bal y Gay regresará a Burela cun recital de ópera e zarzuela o 14 de agosto

Burela volverá formar parte da programación do Festival Bal y Gay grazas á colaboración do Concello, que un ano máis aposta por achegar a música clásica ao municipio. A cita terá lugar o vindeiro 14 de agosto, ás 20.30 horas, no Auditorio da Casa da Cultura, onde actuarán o tenor Santiago Ballerini, a soprano Berna Perles e o pianista Javier Carmena.
O recital ofrecerá un percorrido por algunhas das obras máis coñecidas do repertorio operístico e da zarzuela, cun programa dividido en dúas partes. A primeira estará dedicada á ópera, con composicións de Mozart, Donizetti, Verdi e Puccini, das que se interpretarán fragmentos de Idomeneo, Le nozze di Figaro, Don Giovanni, L'elisir d'amore, La forza del destino e La bohème.
Na segunda metade do concerto, o protagonismo será para a zarzuela española, con pezas de Amadeo Vives, Pablo Sorozábal, Manuel Fernández Caballero, Javier Carmena e Federico Moreno Torroba. O público poderá escoitar seleccións de títulos tan recoñecidos como Doña Francisquita, La del manojo de rosas, El dúo de la Africana, El orgullo de quererte e Luisa Fernanda.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou a satisfacción do Concello por seguir colaborando cun festival que cualificou como un referente pola súa calidade artística. Segundo indicou, esta colaboración permite que Burela forme parte dunha programación cultural de primeiro nivel e achegue á veciñanza e aos visitantes a oportunidade de gozar da música clásica en directo.
As entradas para o concerto xa se atopan á venda na páxina oficial do Festival Bal y Gay, cun prezo que oscila entre os 17 e os 21 euros.