O Festival Bal y Gay 2023 levará 13 concertos a distintos espazos emblemáticos da Mariña
Presentouse a décima edición do Festival Bal y Gay e que levará este verán un total de 13 concertos a distintos espazos emblemáticos da Mariña lucense.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Anxo M. Lorenzo, fixo mención á aposta do Goberno autonómico por esta cita musical que se aliña cos obxectivos do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta do Goberno galego que aposta por fomentar o acceso e diversificación da programación cultural.
Anxo M. Lorenzo felicitou á organización “polos seus 10 anos de vida, nos que levou por distintas localizacións da Mariña lucense con propostas de gran calidade que o ten convertido nun referente da música clásica do norte de España” e por combinar “de xeito moi acertado” cultura e patrimonio en espazos tan emblemáticos como a Catedral de Mondoñedo ou a igrexa de Lourenzá.
No acto tamén participaron, entre outros, a directora do festival, Alba Rodríguez; o presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez, e a directora da Fundación Banco Sabadell, Sonia Mulero.
Entradas dispoñibles
A décima edición do Festival Bal y Gay será do 10 ao 24 de agosto. Pasará por Viveiro, Alfoz, Foz, Ribadeo, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá ou Barreiros e os concertos celebrarase en lugares como a fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo, Basílica de San Martiño de Foz, a Fortaleza Alfoz, a igrexa de Lourenzá, entre outros.
A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar a edición o 10 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cunha gala lírica dirixida por Maximino Zumalave. Os seguintes concertos correrán a cargo, entre outros, do cuarteto de saxofóns Kebyart, a soprano Rocío Pérez, a violonchelista Sara Ferrández, a pianista portuguesa, María Joao Pires, así como a Orquestra Sinfónica de Galicia. Tamén haberá concertos familiares, conferencias e obradoiros. Toda a información e a venta de entradas está dispoñible na web festivalbalygay.com.