O Entroido de Burela chega cargado de actividades para todas as idades

AMariñaXa
Talleres, desfile, música e o tradicional Enterro da Sardiña marcarán a festa do 28 de febreiro ao 5 de marzo
ENTROIDO-BURELA-2023--desfile-4
13 Feb 2025

O Concello de Burela xa ten listo o programa do Entroido, que ofrecerá unha ampla variedade de actividades para todas as idades entre o 28 de febreiro e o 5 de marzo. Non faltarán os tradicionais talleres, o desfile, a música e o Enterro da Sardiña para poñer o broche final ás celebracións.

A programación dará comezo o día 28 cun obradoiro infantil de manualidades na Praza do Concello. O sábado 1 de marzo, pola mañá, haberá unha sesión de pintacaras para os máis pequenos, mentres que, pola noite, a partir das doce e media, terá lugar unha gran festa de disfraces con música en directo, organizada pola asociación de comerciantes, tamén na Praza do Concello.

O domingo, desde as cinco da tarde, o desfile percorrerá as rúas dende a Rúa do Ril ata a Praza do Concello. Durante o percorrido, repartiranse 4.000 euros en premios, dos cales 3.500 serán en metálico grazas á achega do Concello e 500 en vales de compra facilitados pola asociación de comerciantes.

As actividades continuarán o luns cun taller infantil de cociña e o martes co Día do Neno, que contará con inchables, música e un desfile con premios. Como colofón, o día 5 de marzo celebrarase o tradicional Enterro da Sardiña, que sairá ás oito da tarde da rúa Arcadio Pardiñas e percorrerá a vila ata a praia de Penoural, onde se procederá á queima da sardiña, poñendo fin ao Entroido burelao.

⚙ Configurar cookies
0.16692900657654