O Enduro Alfoz-Valadouro reúne a pilotos de toda Galicia nunha xornada de motor e natureza

Os concellos de Alfoz e O Valadouro foron escenario este domingo dunha nova edición do Enduro Alfoz-Valadouro, unha cita deportiva que volveu converter os montes da comarca nun punto de encontro para os afeccionados ao motor. A carreira desenvolveuse a través de distintos tramos repartidos polos dous municipios, cun percorrido pensado para esixir ao máximo a destreza, a resistencia física e a experiencia dos pilotos.

O trazado destacou pola súa variedade, alternando zonas rápidas con sectores máis técnicos, o que incrementou o atractivo deportivo tanto para os participantes como para o público que se achegou a seguir a proba. Esta combinación permitiu ofrecer unha competición dinámica e vistosa, na que cada tramo marcou diferenzas na clasificación final.
A xornada contou cunha notable participación de pilotos chegados de diferentes puntos de Galicia e tamén doutras comunidades autónomas. O desenvolvemento da carreira estivo marcado por un ambiente de deportividade e compañeirismo, así como polo respecto polo entorno natural, un aspecto no que tiveron un papel clave a organización e o amplo dispositivo de voluntariado.
O alcalde de O Valadouro, José Manuel Lamela, puxo en valor “o éxito da proba e a repercusión positiva que teñen este tipo de eventos na dinamización deportiva, social e económica da comarca”, subliñando ademais que contribúen a reforzar a aposta polo deporte do motor e polo turismo activo.
Pola súa banda, a alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, quixo agradecer “a implicación da organización, das entidades colaboradoras, dos participantes, dos servizos de emerxencia, así como da veciñanza e das persoas usuarias dos terreos”, cuxo apoio fixo posible o correcto desenvolvemento da cita.
A clasificación xeral da proba está dispoñible para consulta na páxina web da Liga da Moto.