O encoro de Río Cobo converterase no epicentro do piragüismo provincial

O encoro de Río Cobo será escenario este domingo, 27 de xullo, da terceira proba da Copa Deputación de Piragüismo, unha cita destacada no calendario deportivo provincial que reunirá a clubs de toda a contorna. O evento está promovido polo Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo.
Nesta xornada competitiva participarán entidades representativas da Mariña lucense, como o club organizador xunto co Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo, o Kayak de Foz e o Urban Hotel Viveiro. Xunto a eles competirán tamén o Club de Piragüismo Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo, nun encontro que promete intensidade e emoción.
Os e as deportistas medirán forzas nas modalidades K1 e C1, e competirán en diferentes categorías: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. Trátase, segundo sinalan desde a organización, dunha excelente oportunidade para achegarse ao piragüismo de base e gozar dun espectáculo deportivo ao aire libre.
A alcaldesa de Cervo quixo transmitir os seus mellores desexos a todas as persoas participantes, facendo unha mención especial aos representantes do club local. Ademais, animou á veciñanza e visitantes a achegarse ata o encoro para “gozar dunha competición que se desenvolve nun espazo natural privilexiado, ideal para combinar deporte, natureza e lecer nunha mesma xornada”.
A celebración desta regata contribúe a consolidar o encoro de Río Cobo como un enclave perfecto para a práctica do piragüismo, tanto pola súa localización como polas condicións naturais que ofrece, o que o converte nun referente dentro do circuíto provincial.