O Emma Cuervo volve con forza: Deportivo e Oviedo enfróntanse en Ribadeo

Ribadeo prepárase para vivir unha cita futbolística de primeiro nivel coa celebración da 74ª edición do Trofeo Emma Cuervo, un dos torneos estivais máis antigos e prestixiosos de todo o Estado. O encontro, que terá lugar o mércores 6 de agosto de 2025 ás 19:00 horas no Estadio Municipal Pepe Barrera, contará cun duelo de altura: RC Deportivo da Coruña contra Real Oviedo.
Será unha reedición histórica, xa que ambos conxuntos non se enfrontaban en Ribadeo desde o ano 2016. Ademais, trátase dos dous clubs con máis traxectoria no Emma Cuervo: o Real Oviedo suma 40 participacións e 17 títulos, mentres que o Deportivo participou en 18 ocasións, das que saíu campión en 10.
O atractivo do cartel medra aínda máis tendo en conta o momento deportivo que atravesan ambos equipos. O Real Oviedo acaba de certificar o seu regreso á Primeira División 24 anos despois, mentres que o Deportivo da Coruña loita por regresar á elite desde a Segunda División, categoría na que compite actualmente.
O prezo das entradas será de 20 euros para maiores de 15 anos, 5 euros para nenos e nenas entre 8 e 15 anos, e acceso de balde para menores de 8 anos. Os billetes poden mercarse en varios establecementos de Ribadeo (Cafetería Rosa Lar, Delira Gastronómica, Cienfuegos Bar e O Lar de Manolo) así como nas propias taquillas do Estadio Pepe Barrera o mesmo día do partido.
A organización do evento anunciará nos vindeiros días os detalles da presentación oficial da 74ª edición do trofeo, que cada verán segue facendo historia e situando a Ribadeo como referencia do fútbol de pretemporada.