O Diversiprix reúne a 60 persoas en Barreiros nunha xornada de inclusión, convivencia e lecer compartido

San Miguel de Reinante, no municipio de Barreiros, acolleu este domingo pola mañá a terceira edición do Diversiprix, unha iniciativa impulsada pola Asociación Guillem Veiga Iglesias que, baixo o lema "Onde enredarnos como iguais", reuniu a 60 participantes nunha xornada centrada na inclusión, a cooperación e a convivencia.
As persoas inscritas participaron organizadas en equipos diversos, percorrendo un circuíto composto por diferentes probas e retos lúdicos adaptados ás distintas capacidades. Entre as actividades programadas houbo xogos de puntería, desafíos colaborativos, percorridos con obstáculos e outras dinámicas nas que o obxectivo principal foi fomentar a participación en igualdade de condicións, deixando a competición nun segundo plano.
A pesar das altas temperaturas rexistradas durante a mañá, todos os equipos completaron con éxito o percorrido previsto. O ambiente de colaboración, as risas e a implicación das persoas participantes marcaron unha edición na que o traballo en equipo e o apoio mutuo volveron ser os principais protagonistas.
Coa celebración desta terceira edición, o Diversiprix afianza a súa posición como unha das actividades máis representativas da Asociación Guillem Veiga Iglesias, promovendo un modelo de lecer accesible no que persoas con e sen discapacidade comparten experiencias, reforzando valores como o respecto, a igualdade, a convivencia e a cooperación.
A organización contou cun amplo dispositivo humano integrado pola directiva da asociación e por 25 persoas voluntarias, encargadas de dinamizar as distintas probas do circuíto. Ademais, numerosas persoas achegáronse desde primeira hora da mañá para colaborar nas tarefas de montaxe, amosando o compromiso colectivo coa celebración desta iniciativa.
O Diversiprix foi organizado pola Asociación Guillem Veiga Iglesias coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros.