O descenso de carrilanas deste 2025 en A Pontenova será o Campionato de Europa
A Pontenova converterase no epicentro da velocidade e da emoción coa celebración do Campionato Europeo de Carrilanas FISD. Este evento, recoñecido a nivel internacional, reunirá aos mellores pilotos de carrilanas de toda Europa, nunha competición chea de adrenalina e espectaculares descensos.
Esta cita, organizada por Motoreo A Pontenova, será do 24 ao 27 de xullo e para inscribirse haberá que facelo antes do 1 de maio. Para calquera dúbida haberá que enviar un email a motoreopontenova@gmail.com.
As rúas e pendentes da vila transformaranse nun circuíto de primeira categoría, preparado para acoller tanto os competidores profesionais como os apaixonados deste deporte único. A organización, a cargo da entidade local Motoreo A Pontenova, e a Federación Internacional de Sports de Descenso (FISD), garante un evento de alto nivel cunha infraestrutura preparada para o público e os participantes.
Os asistentes poderán gozar de carreiras trepidantes, exhibicións e unha ampla variedade de actividades paralelas. A combinación de deporte, cultura e tradición fai deste campionato un evento único e imperdible na Pontenova.
Este Campionato Europeo de Carrilanas non só destaca polo seu carácter competitivo, senón tamén polo seu impacto social e cultural, converténdose nunha oportunidade perfecta para promover A Pontenova como destino turístico e reforzar as tradicións locais.