O delegado da Xunta e a alcaldesa de Barreiros analizan os proxectos autonómicos en marcha no municipio

AMariñaXa
A rehabilitación do CEIP San Miguel de Reinante, o obradoiro de emprego Constrúe en Verde II e a mellora de servizos básicos centraron a reunión institucional
villares-ana-ermida
14 Jul 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuniuse este martes coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, no marco do programa de visitas institucionais que está a realizar aos concellos lucenses. No encontro abordaron diferentes actuacións e investimentos promovidos polo Goberno galego que afectan ao municipio.

Entre os proxectos destacados figura a rehabilitación integral do CEIP San Miguel de Reinante, unha actuación impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que conta cun investimento de preto de 373.500 euros e que se atopa actualmente en execución.

Durante a reunión tamén se puxo o foco nas políticas de emprego, facendo referencia ao obradoiro dual Constrúe en Verde II, promovido polo Concello de Ribadeo en colaboración co de Barreiros. A iniciativa está financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigracións cun investimento de 486.000 euros.

O taller, que comezou o pasado mes de xuño, ofrece formación teórica e práctica a unha vintena de persoas desempregadas en especialidades relacionadas coa construción, a xestión de residuos e a limpeza de espazos abertos, instalacións industriais, edificios e locais.

Outro dos asuntos tratados foi o apoio da Xunta á mellora das infraestruturas e dos servizos municipais. Neste sentido, Villares destacou a concesión dunha achega de 72.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural, ao abeiro da liña de axudas destinada a impulsar os servizos básicos municipais.

O delegado territorial sinalou que o Goberno galego continuará reforzando a cooperación cos concellos da provincia de Lugo para desenvolver actuacións conxuntas en beneficio da cidadanía.

0.13317179679871