O curso de iniciación á forxa tradicional reúne en Sargadelos alumnado de distintos puntos de España e Alemaña

AMariñaXa
O Concello de Cervo mantén o seu apoio á formación impartida por Telmo Cao para impulsar a conservación dos oficios tradicionais e do patrimonio artesanal
curso-forxa-cervo
7 Aug 2026

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou este xoves ao alumnado que participa no curso de iniciación á forxa tradicional que se celebra no obradoiro de Telmo Cao, situado na antiga nave de fundición do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos. A actividade, que remata este venres, reúne nesta edición a dez participantes chegados de diferentes puntos de Galicia, Cantabria, León e tamén de Alemaña.

O Concello de Cervo colabora un ano máis nesta iniciativa coa finalidade de facilitar o acceso á formación mediante un prezo reducido para o alumnado e continuar promovendo a conservación dun oficio artesanal profundamente ligado á historia e á identidade de Sargadelos.

Durante a visita, a rexedora, acompañada por Telmo Cao, puido coñecer o desenvolvemento das sesións prácticas nas que participan oito homes e dúas mulleres, que ao longo da semana recibiron formación nas técnicas básicas da forxa tradicional a través dun programa eminentemente práctico.

García Caramés destacou a importancia de continuar apoiando este tipo de propostas, que contribúen á protección dos oficios tradicionais, á difusión do patrimonio cultural e á proxección de Sargadelos como un espazo de referencia para persoas interesadas na artesanía e na historia.

A alcaldesa lembrou ademais que a colaboración municipal terá continuidade a próxima semana coa celebración do curso de nivel 2, no que os participantes poderán ampliar os coñecementos adquiridos e perfeccionar as técnicas aprendidas baixo a dirección de Telmo Cao.

A rexedora tamén quixo recoñecer a traxectoria do mestre ferreiro, ao que definiu como un referente da forxa artística pola súa dedicación á recuperación e transmisión deste oficio. Ao seu xuízo, o seu traballo converteu Sargadelos nun punto de encontro para alumnado procedente de diferentes lugares que busca especializarse ou iniciarse nesta disciplina artesanal.

0.12819504737854