O corte do cruzamento da Moncloa obrigará a reorganizar o tráfico no porto de Burela durante dous meses

As obras de canalización que se están a executar no porto de Burela avanzarán o vindeiro 20 de xullo ata o cruzamento da Moncloa, coñecido como a antiga Cruz Vermella, un punto que permanecerá completamente pechado ao tráfico mentres se desenvolvan os traballos.
Como consecuencia desta actuación, desde primeira hora da mañá deixarase de poder acceder ao recinto portuario desde a rúa Eijo Garay. Así mesmo, tamén quedará interrompida a comunicación directa entre o porto norte, onde se sitúa a Confraría de Pescadores, e o porto sur, na zona de ABSA, a través da área portuaria.
Coa nova reorganización da circulación, os vehículos que se dirixan ao porto norte deberán facelo pola avenida da Mariña, mentres que o acceso ao porto sur realizarase a través da rotonda da avenida de Pomeda.
Para minimizar as afeccións ao tráfico, o Concello desviará a circulación da rúa Eijo Garay cara á rúa Leandro Cucurny, repetindo o dispositivo especial que xa se aplicou durante as pasadas Festas Patronais de Burela.
No ámbito portuario tamén se pechará ao tráfico xeral a rotonda de ABSA, aínda que a empresa responsable das obras manterá o acceso para os vehículos que necesiten chegar ao varadoiro ou ás instalacións de Armón.
Pola súa banda, a rúa Gloria da Corneta continuará aberta á circulación. Con todo, o Concello lembra que segue prohibido acceder desde esta vía á rúa Eijo Garay en sentido contrario ao establecido e anuncia un reforzo da sinalización, ademais de recordar que a zona conta con videovixilancia para controlar o tráfico.
A previsión é que os traballos neste punto se prolonguen durante aproximadamente dous meses. Non obstante, a empresa adxudicataria valorará entre os sete e os dez días seguintes ao inicio desta fase a posibilidade de habilitar un carril de circulación, sempre en función do avance das obras.
Desde o Concello aseguran que continuarán informando da evolución da actuación e das modificacións que poidan producirse na circulación urbana, en coordinación coa empresa encargada da intervención no porto.