O Correlingua 2026 encherá Ribadeo de música e reivindicación o 20 de maio

Ribadeo acollerá o vindeiro 20 de maio unha nova edición do Correlingua, unha iniciativa que busca promover o uso da lingua galega entre a mocidade a través dunha xornada que combinará andaina, foliada e concertos. A actividade, que xa está en marcha, reunirá a máis de 850 escolares nunha cita que volverá converter as rúas da vila nun espazo de celebración e reivindicación lingüística.
O evento desenvolverase no Campo de San Francisco, desde onde partirá un percorrido polas rúas de Ribadeo que culminará nunha gran festa final. A programación inclúe as actuacións musicais de Sniff & Crash e Paco Nogueiras, mentres que a presentación correrá a cargo de Fran Rei.
Nesta edición, marcada pola homenaxe das Letras Galegas á escritora Begoña Caamaño, o alumnado terá tamén un papel protagonista na elaboración e lectura do manifesto reivindicativo. Este texto será lido por estudantes do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, que participaron previamente nun obradoiro literario guiado polas autoras María Lado, Lucía Aldao e Antía Yáñez.
O Correlingua está organizado pola CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG, contando co apoio do Concello de Ribadeo e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Ao longo do curso escolar, o programa inclúe diversas actividades educativas e creativas, como o obradoiro de escrita ‘Desata a lingua’, o proxecto ‘Regueifando!’ de creación de coplas, o concurso musical ‘Cantalingua’ e o certame artístico ‘Crealingua’, todos eles orientados a fomentar o uso do galego entre a xuventude.