O Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo incorporará 37 efectivos nos próximos meses

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A entidade conta actualmente con 120 profesionais e avanza tamén na mellora da súa estrutura administrativa, dos parques e dos equipamentos
Deputacion Mesa negociación Consorcio Bombeiros
8 Oct 2026

A Comisión Executiva e a Mesa Xeral de Negociación do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento reuníronse este xoves no Pazo de San Marcos para abordar diferentes cuestións relacionadas coa organización e o funcionamento do servizo.

O Consorcio presta actualmente atención ás emerxencias a través dos parques de Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos, Viveiro e Chantada, desde os que se coordina a resposta nos distintos ámbitos territoriais da provincia. Na actualidade conta con 120 efectivos, aos que se sumarán outros 37 nos próximos meses a través dos procesos selectivos que están en marcha.

A incorporación permitirá cubrir 11 vacantes existentes e crear 26 novas prazas. A distribución prevista será de catro novos bombeiros para cada parque, agás nos de Vilalba e Monforte de Lemos, onde se incorporarán cinco efectivos.

Durante a reunión, a representación social trasladou diferentes propostas relacionadas coa estrutura administrativa e operativa do Consorcio e coa organización dos seus recursos humanos. Pola súa banda, a representación da Deputación de Lugo coincidiu na necesidade de que o organismo dispoña dunha estrutura básica, tanto administrativa como operativa, adecuada ás necesidades do servizo.

Segundo trasladou a Deputación, esta estrutura debe permitir desenvolver correctamente as funcións de organización, coordinación e xestión necesarias para o funcionamento do Consorcio.

Neste momento, a institución provincial está a analizar as necesidades existentes e o alcance das posibles medidas que se poidan adoptar, dentro do marco competencial, organizativo e orzamentario correspondente, co obxectivo de continuar avanzando na configuración da estrutura do organismo.

A reunión serviu tamén para manter aberto o diálogo entre a Administración e a representación dos traballadores e traballadoras, así como para coñecer directamente as necesidades expostas pola parte social.

Na sesión participaron a presidenta da Comisión Executiva e representante da Deputación de Lugo no Consorcio, Pilar García Porto; a xerente do organismo, Julia Vázquez Silvarrey; o secretario, José Mourelle Cillero; o subdirector xeral de Seguridade e Coordinación da Xunta de Galicia, Andrés Iglesias López; e o secretario xeral da Xunta de Galicia en Lugo, Alejandro Fontela Pereira, no marco da Mesa Xeral de Negociación.

As probas físicas, a vindeira semana

Paralelamente, a Deputación de Lugo mantén en marcha o proceso selectivo para incorporar os 37 novos bombeiros. O primeiro exercicio teórico celebrouse no mes de setembro e 172 persoas, das algo máis de 200 que participaron nesa primeira proba, pasaron á seguinte fase.

As probas físicas desenvolveranse os días 14 e 15 nas pistas deportivas de Monforte de Lemos, onde os aspirantes deberán superar os exercicios establecidos no proceso selectivo.

O incremento do cadro de persoal forma parte dos acordos alcanzados en decembro do pasado ano entre o Consorcio e a representación sindical para reforzar os recursos humanos e introducir melloras nas instalacións e nos equipamentos do servizo.

Neste momento estanse executando obras nos seis parques de bombeiros. Ademais, está prevista a renovación da roupa de traballo, tanto a destinada ás intervencións como a de adestramento, que os profesionais recibirán antes de que remate o ano.

0.15144991874695