O Congreso debatirá a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao

AMariñaXa
O BNG leva ao Congreso a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao e a apertura do dique norte de Morás.
porto san cibrao vista aerea
porto san cibrao vista aerea
29 abr 2021

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo unha xuntanza con representación sindical da comarca da Mariña e representantes da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) onde puxeron en común a necesidade e vantaxes da creación dunha Autoridade Portuaria en San Cibrao e da apertura ao tráfico comercial o dique norte de Morás. A esta reunión tamén acudiron o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, a responsábel comarcal da Mariña, Ana Ermida, e os voceiros municipais do BNG en Cervo e Xove.

A pesar de que en 2002 foi creada a Provincia Marítima de Lugo e da importancia do Porto de San Cibrao dentro da comarca da Mariña, a día de hoxe, a costa lucense continúa sen posuír unha Autoridade Portuaria propia. A xestión e ordenación destes recursos desde a propia comarca repercutiría de forma moi positiva e favorecería o desenvolvemento económico, pois todos os recursos que xera xa agora mesmo o Porto de Alcoa poderían ser investidos alí onde se producen.

“Existen sobrados motivos, ademais dos de índole económica, que avalan a necesidade de crear unha Autoridade Portuaria propia en San Cibrao, segregándoa da de Ferrol, pois permitiría unha mellor xestión e ordenación do territorio e a planificación das infraestruturas de forma autocentrada. O que se recada no porto utilizado por Alcoa podería reverter na comarca directamente e así como tamén os eventuais beneficios que se xeren despois da apertura do dique norte” explicou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

En palabras do deputado nacionalista “debe ser acometida a liberalización do denominado dique norte de Morás e situar a fronte da xestión e administración desta infraestrutura unha autoridade portuaria propia, un factor decisivo para o seu mellor aproveitamento”. O Porto de San Cibrao é o de maior calado da Mariña e con esta actuación optimizaríanse as súas instalacións portuarias ao permitir levar a cabo unha actividade comercial portuaria independente e mesmo complementaria á que na actualidade se desenvolve por Alcoa. A multinacional está a explotar só o dique sur rematando a concesión no 2023, polo que sería perfectamente factíbel liberar o dique norte e utilizalo para o tránsito comercial”. Esta acción “permitiría habilitar un porto de atracada de 240 metros de lonxitude para buques de ata 222 metros de eslora e 11,5 metros de calado e a utilización de 50 mil metros cadrados de explanada portuaria”.

“A utilización da zona portuaria agora en desuso traería consigo unha maior dinamización socioeconómica de toda A Mariña e de toda a súa área de influencia. Trátase dunha actuación máis necesaria que nunca frente a incerteza do futuro industrial da comarca e que permitiría que os beneficios xerados no Porto de San Cibrao revertan directamente nese territorio” salientou Rego. Esta iniciativa, segundo explicou o deputado no Congreso, tamén se debaterá no Parlamento de Galiza o vindeiro 7 de maio a través do deputado mariñán do BNG, Daniel Castro, asistente a esta xuntanza.

Así mesmo, paralelamente e mentres que non se constitúa a Autoridade Portuaria de San Cibrao, tense que “dar as instrucións precisas para que se proceda a unha redistribución dos ingresos obtidos a través do Porto de san Cibrao de modo que os mesmos revertan en beneficio da costa lucense”. Os datos publicados pola Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao reflicten que, aínda que recada anualmente uns 10 millóns de euros aproximadamente no Porto de Morás (San Cibrao), “o organismo estatal non chega a investir nos portos de Lugo, nin no de San Cibrao nin no conxunto da comarca da Mariña o 5% do recadado” recriminou Rego.

Intervención pública de Alcoa

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou a planta de Alcoa en San Cibrao para manter unha reunión co comité de empresa precisamente no momento en que se vai cumprir o prazo prefixado de negociacións para a venda da planta sen que haxa unha solución que evite o fechamento da factoría.

Neste sentido o deputado do BNG anunciou que o próximo martes 11 será debatida unha proposición non de lei para instar novamente o Goberno á intervención pública na planta como única vía que pode garantir o mantemento da actividade e a preservación dos postos de traballo tanto na en Alcoa coma nas industrias auxiliares. Esta nova proposta oriéntase a dar cumprimento á resolución xa aprobada no Congreso neste sentido no seu día.