O concurso fotográfico ambiental de Xove xa ten gañadores nas súas tres categorías

O Concello de Xove deu a coñecer os nomes das persoas premiadas no concurso medioambiental de fotografía “Cal é o teu lugar preferido de Xove?”, unha iniciativa que convidou á veciñanza a compartir imaxes de espazos significativos do municipio acompañadas das súas correspondentes descricións.
Tras o reconto das interaccións recibidas, xa se coñecen as fotografías que acadaron un maior respaldo en cada unha das categorías establecidas polo certame. Na modalidade infantil, a imaxe máis valorada foi a presentada por David Burgos Peloche baixo o título O último cura de Santirso. A fotografía está acompañada dun relato que fai referencia á lenda dun antigo sacerdote que, segundo a tradición popular, continuaba gardando un vello libro entre as ruínas de Santirso á espera de que alguén recuperase a súa memoria e a súa historia.
Na categoría júnior, o recoñecemento recaeu en Marcos Mariño Ferrería coa fotografía titulada Cascada, unha instantánea realizada nun salto de auga situado nas proximidades do cemiterio da Rigueira.
Pola súa banda, na categoría de adultos resultou gañadora Begoña Amor Ruiz coa obra Conduciendo hacia la noche. A autora retrata un solpor en Esteiro, unha escena que, segundo a descrición achegada ao concurso, transmite unha sensación de calma e tranquilidade.
O acto de entrega dos premios celebrarase o vindeiro venres, 12 de xuño, ás 20.30 horas no salón de plenos da casa consistorial. Ademais dos agasallos previstos para todas as persoas participantes, os tres gañadores recibirán un premio económico de 60 euros cada un.
Con esta proposta, o Concello de Xove busca fomentar o coñecemento e a valorización da riqueza paisaxística e patrimonial do municipio a través da fotografía, animando á cidadanía a descubrir e compartir aqueles recunchos que consideran máis especiais do seu territorio.