O Concello reforza o mantemento municipal coa incorporación dun robot desbrozador

O Concello incorporou ao seu parque de maquinaria un robot desbrozador destinado aos labores de limpeza e mantemento de parcelas, unha actuación coa que pretende reforzar os recursos dos servizos municipais e optimizar os traballos de desbroce. O novo equipamento facilitará unha intervención máis rápida e eficaz, ao tempo que reducirá os riscos aos que se enfronta o persoal encargado destas tarefas.
A principal vantaxe desta máquina é a súa capacidade para operar en terreos con fortes pendentes, evitando que os operarios teñan que realizar manualmente os traballos nas zonas de maior dificultade. Ademais, dispón dun sistema que permite regular a altura de corte entre os 20 e os 150 milímetros e pode efectuar o desbroce en ambos os sentidos sen necesidade de realizar manobras, o que incrementa o seu rendemento.
O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, destacou que este novo recurso "permitirá facer os traballos moito máis rápido e con moita máis seguridade, evitando que os operarios teñan que expoñerse a riscos en zonas de gran pendente".
A adquisición realizouse mediante un procedemento de licitación pública que partía dun orzamento inicial de 48.400 euros. Ao proceso concorreron catro empresas e a adxudicación final supuxo un aforro de 8.000 euros respecto ao importe previsto.
Fernández incidiu en que o Concello continuará apostando pola incorporación de novas tecnoloxías para seguir mellorando a prestación dos servizos públicos e ofrecer unha atención máis eficiente á veciñanza.