O Concello realizará obras nas Escolas de Rinlo, na vella e na nova

AMariñaXa
O Concello realizará obras de modernización e arranxo nas Escolas de Rinlo, na vella e na nova. O investimento é de máis de 67.000 euros
060323 Foto escola vella Rinlo
060323 Foto escola vella Rinlo
6 mar 2023

O Concello realizará obras de modernización e arranxo nas Escolas de Rinlo, na vella e na nova. O investimento ascenderá a máis de 67.000 euros e os traballos serán licitados nos vindeiros días. Para afrontar este proxecto o Concello asinou un convenio de cooperación coa Deputación de Lugo, segundo deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor comentou que “en todo este mandato, como nos anteriores, unha das preocupacións que tivemos como goberno foi ir modernizando e mellorando toda a rede de Escolas e Teleclubes municipais que temos nas parroquias. No seu momento, no pasado, tiñan unhas funcións educativas e agora, hoxe en día, teñen  funcións sociais e culturais. Ademais son para uso e aproveitamento das asociacións de veciños e para a cidadanía en xeral, especialmente para a mocidade e xuventude”.

Suárez Barcia lembrou que “estamos actuando en varias delas e noutras nas que actuaremos nos vindeiros tempos, unha vez que vaiamos licitando as obras, tal e como nos temos comprometido”.

O alcalde subliñou que “neste caso podemos dicir, que vimos de asinar un convenio de cooperación coa Deputación de Lugo para modernizar e arranxar as Escolas de Rinlo, tanto a vella como a nova. Queremos actuar de xeito decidido para resolver dunha vez por todas os problemas que padecen co illamento das ventás, coas humidades, especialmente na Escola Vella, pero tamén coa falta de potencia eléctrica e deficiente carpintería de exteriores entre outras carencias na Escola Nova. Todo iso vai complementar o que levamos feito ata o momento”.

Fernando Suárez dixo: “queremos facer destes espazos lugares permanentes de actividade cultural e social e quixemos facer todo isto de acordo coas autorizacións previas de Patrimonio, xa que no caso da Escola Vella, trátase dun inmoble catalogado que temos que respectar. A inversión estimada para estas obras de mellora cifrase en 67.134 euros e nestes vindeiros días procederemos a licitar as obras polo procedemento aberto para que todas as empresas interesadas poidan facelo”.

escola vella rinlo