O Concello e Trabada Paso a Paso programan unha nova ruta polo monte Roxal-Teixido
O Concello de Trabada presentou os detalles dunha nova ruta de sendeirismo, en colaboración coa asociación local Trabada Paso a Paso. O percorrido, de 8 quilómetros, levará aos participantes polo monte Roxal-Teixido e terá unha dificultade media-baixa. A saída está programada para o 13 de outubro ás 10.00 horas desde a praza do Concello.
Ao rematar a ruta, os asistentes poderán gozar dunha comida organizada para todos. As prazas son limitadas, e o prazo de inscrición estará aberto ata o 9 de outubro, dispoñendo o número de teléfono do concello (982 135 011) para realizar as reservas. O alcalde de Trabada, Rubén García, expresou a súa satisfacción pola boa acollida que están a ter as rutas organizadas no municipio, destacando o valor de combinar o deporte coa natureza. "Seguiremos apostando por este tipo de actividades en Trabada", afirmou.