O Concello de Xove recibe unha doazón de dúas estatuas do ferreiro Manuel Míguez
O Concello de Xove vén de rematar a colocación e sinalización de dúas estatuas realizadas e doadas por Manuel Míguez, quen desempeñou o oficio de ferreiro en Labradela, na parroquia da Rigueira, ata o seu pasamento no ano 2019. A persoa que as transmitiu ao Concello foi Berta Míguez, filla do artista, quen cumpriu así os desexos do seu pai de regalar as figuras a toda a veciñanza de Xove.
A doazón está composta por dúas estatuas, a primeira representa a figura dun ferreiro realizada en ferro, foi colocada na praza pequena do Concello, en homenaxe e recordo a todas as persoas do noso entorno que desempeñaron oficios tradicionais.
A segunda representa unha escultura natural abstracta, realizada en madeira e outros materiais. Foi colocada na Área Recreativa de Vila, na mesma parroquia da Rigueira, en plena Ruta dos Muíños e moi preto do inicio da Ruta das Fadas.
O Concello de Xove agradece a doación das dúas estatuas, que, con toda seguridade, se convertirán nun reclamo de interés non só para os xovenses, senón tamén para as numerosas persoas que visitan o noso municipio cada ano.