O Concello de Xove convoca o V Concurso Fotográfico do Día do Medio Ambiente

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Xove pon en marcha unha nova edición do Concurso Fotográfico do Día do Medio Ambiente, que chega este ano á súa quinta convocatoria. Trátase dunha proposta que busca poñer en valor o patrimonio natural do municipio a través da mirada da veciñanza, fomentando ao mesmo tempo a participación cidadá e a creatividade.
A iniciativa está aberta a persoas de todas as idades, divididas en tres categorías: infantil, para menores de ata 12 anos; xuvenil, entre os 13 e os 17 anos; e adultos, a partir dos 18 anos. En cada unha delas, a fotografía que acade máis apoios a través da votación na páxina oficial de Facebook do Concello recibirá un premio de 60 euros.
Participar é sinxelo. As persoas interesadas deberán realizar unha fotografía nun espazo do municipio de Xove que consideren especial ou significativo, poñendo o foco na riqueza paisaxística e ambiental do entorno. Posteriormente, será necesario cubrir a folla de inscrición, dispoñible na páxina web municipal, onde tamén se poden consultar as bases completas do certame: https://xove.es.
Dende o Concello destacan que este concurso busca non só promover o coidado e respecto polo medio ambiente, senón tamén incentivar unha visión persoal e creativa sobre os espazos naturais que conforman Xove, poñendo en valor o seu atractivo e singularidade.
A organización anima á veciñanza a participar nesta iniciativa, que se consolida como unha das propostas máis destacadas dentro da programación ambiental anual, e a compartir a súa particular forma de ver e interpretar a contorna natural do municipio.