O Concello de Xove acolle a VI Gala do Emprendemento Local

AMariñaXa
Co obxectivo de poñer en valor o talento emprendedor e o apoio ao empresariado local
concello-xove-casa-consistorial
14 Dec 2024

O venres 20 de decembro celébrase a VI Gala do Emprendemento Local no Concello de Xove, organizada polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local.

Co obxectivo de poñer en valor o talento emprendedor e o apoio ao empresariado local, no Salón de Actos municipal ás 20.30 horas, o Alcalde José Demetrio Salgueiro Rapa
presentará a gala na que intervirán Miguel e Julio López López de Talleres Swiss Autos e Laura Lorca González de Glarual Ecoshop.

Explicaran como xurdiu a súa idea empresarial; cales foron as principais motivacións; cales cren que son as súas calidades como persoas emprendedoras; cales son os puntos fortes da súa empresa; como foi o proceso de creación empresarial: avaliación da idea, busca de financiación, busca de clientela, tramitacións, axudas,...; atrancos cos que se atoparon; se volverían facelo; e que plans de futuro teñen.

Contarán coa actuación musical e de danza a cargo de David Catá ao piano, acompañado por Ana Represas ao chelo e Marta Cuba con baile contemporaneo. Esta gala celébrase para pór en valor o emprendemento (especialmente o das mulleres), o desenvolvemento sostible, o talento, a lingua galega, o sinxelo, o rural, o sólido, o apoio mutuo, o respecto, a creatividade, a confianza, a responsabilidade, o comercio local, o próximo, o compromiso.

Con seguridade estas experiencias emprendedoras serán exemplos a seguir, serán referentes para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial. O Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local está a disposición para ofrecer asesoramento, porque non é suficiente ter unha boa idea, é preciso avaliala e darlle forma chegando á elaboración dun Plan de Empresa viable. A entrada á gala é libre e gratuíta ata completar aforo, as portas abriranse ao público ás 20.15 horas.

0.16563296318054