O Concello de Viveiro xa conta co orzamento base para a licitación para a pista de skate de Lodeiro

AMariñaXa
O Concello de Viveiro vai iniciar a construción dunha pista de skate en Lodeiro. Conta cun orzamento base de licitación de 131.000 euros
proxecto skate 1 viveiro
proxecto skate 1 viveiro
26 mar 2023

O Concello de Viveiro vai iniciar a construción dunha pista de skate na zona de Lodeiro, un proxecto que conta cun orzamento base de licitación de 131.000 euros con cargo aos fondos do Plan Único da Deputación de Lugo.

A construción desta pista permitirá á veciñanza dispor dunha nova área de lecer na vila coas medidas de seguridade e técnicas que exixe un espazo destas características, dotado ademais de ramplas con diferentes niveis, obstáculos e distintos elementos patinables.

“Coa construción deste Skatepark damos resposta a un espazo moi demandado polos veciños e veciñas de Viveiro”, subliña a alcaldesa María Loureiro.

“Trátase dun proxecto no que levamos tempo traballando, e xa os anteriores concelleiros de Deportes estiveron avaliando e estudando as posibles localizacións para a súa instalación. Incluso no seu momento, cando a voceira do BNG presentou unha moción para a súa creación, se lle explicou no Pleno que o Concello xa estaba a ultimar os detalles”, engade a rexedora.

“Para poder levar a cabo esta pista foi necesario falar con monitores de skate sobre os elementos que precisaría unha área destas características, con técnicos municipais e con arquitectos expertos na elaboración deste tipo de proxectos. Finalmente valorouse que a mellor localización na vila sería na zona de Lodeiro”, recorda María Loureiro.

Míriam Bermúdez, do BNG, exixe reproxectar o skatepark

Bermúdez, concelleira do BNG comenta que “o que se ve do proxecto desta construcción lanzado na prensa por Loureiro, pois cando preguntamos no pleno non quixo informar, non é máis que unha explanada con dúas pequenas elevacións, moi lexos de ser un skatepark útil e versátil. E mira que insistimos e mesmo na propia moción advertíamos da importancia de que esta infraestrutura fora dirixida por especialistas nestas construcións para que non ocorrese o que noutros concellos, como o de Foz, pois segundo as persoas expertas non conta coa calidade idónea e non permite coller impulsos nin o rodaxe continuadoa, polo que é inservible.

“É importante planificar e estudar os proxectos” incide Míriam Bermúdez, “moito máis cando estamos a falar de importantes sumas importantes de diñeiro, non podemos permitirnos improvisar."

Dende o BNG lembran que, nos últimos anos, Viveiro perdeu as pistas da Casa da Xuventude; as pistas de tenis, futbol sala, pádel e baloncesto do Casino, hoxe en día prácticamente irrecuperables, ou lograr sequera avances nas pistas de Lavandeiras. A iso, súmanse problemas na piscina municipal ou falta de mantemento de rutas de sendeirismo e trail.

proxecto skate 5 viveiro
proxecto skate 3 viveiro
proxecto skate 2 viveiro