O Concello de Viveiro urxe colaboración para mellorar o campo de Lavandeiras
O Concello de Viveiro remitiu á área de Deportes da Deputación Provincial de Lugo e ao Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia unha copia do proxecto elaborado polo Concello de Viveiro para executar diversas melloras no Campo de Lavandeiras, solicitando a colaboración económica de ambas administracións para poder levar a cabo estas actuacións.
Dende o Concello de Viveiro considérase que se trata dunhas actuacións necesarias, que permitirían a práctica de máis modalidades deportivas e reducir a carga de actividade do Campo de Fútbol Marcos Gómez. Neste momento, o Campo de Lavandeiras xa está sendo utilizado por algúns clubs ou asociacións deportivas, pero a falta de vestiarios, por exemplo, impide a celebración de partidos oficiais (Liga, Copa, etc.).
Trátase dunha nova actuación de mellora a levar a cabo neste campo de fútbol, sendo a intención deste concello continuar con futuras intervencións mellorando as instalacións para ampliar a súa actividade deportiva.
As actuacións contempladas neste proxecto inclúen a dotación dunha serie de elementos necesarios para poder levar a cabo a práctica deportiva, como poden ser redes, vestiarios, banquillos, etc., así como a reforma da instalación eléctrica do campo de deportes.
Con respecto á modificación da instalación eléctrica, cómpre indicar que na actualidade, o campo non dispón de subministro propio e, polo tanto, debe ser alimentada ou ben cun xenerador ou ben a través doutra instalación. O obxectivo desta actuación é dotar o campo de deportes dun suministro propio. O campo dispón nun dos laterais de dúas torres de celosía con proxectores; en cada unha das torres hai instalados 6 proxectores de HM de 400 w e a idea é manter a iluminación existente.
En relación co equipamento para a práctica deportiva, o proxecto inclúe a instalación dunha valla ou barandilla perimetral que separe o terreo de xogo da zona destinada aos espectadores; dunha caseta-vestiario modular con estrutura autoportante soldada e con paneis sándwich; de redes e de banquillos, para os xogadores reservas, técnicos, etc.
O orzamento de contrata deste proxecto ascede a 120.018,57 € (IVE incluído) e, para a súa execución, o concello solicitou o apoio da Área de Deportes da Deputación Provincial de Lugo e do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia.
As melloras desta instalación deportiva suporían unha nova inversión na zona de Lavandeiras, na que dende hai tempo se veñen levando a cabo importantes actuacións. Neste sentido é importante lembrar o estado de abandono no que se atopaba antigamente este espazo, no que, mediante sucesivas obras e actuacións, se conseguiu chegar á situación actual.
Entre as obras executados en Lavandeiras nos últimos anos inclúense as actuacións recollidas nos proxectos denominados “Regeneración del entorno del parque infantil de Lavandeiras-Celeiro”, por importe de 60.000,00 €; “Mejora del área deportiva y recreativa de Lavandeiras-Celeiro”, por importe de 60.000,00 €; “Creación de un campo de fútbol en Lavandeiras-Celeiro”, por importe de 200.000,00 €; “Dotación de equipamento deportivo para el campo de fútbol de Celeiro”, por importe de 54.416,55 €; e “Dotación de servicios en el área recreativa de Celeiro”, por importe de 111.454,64 €.