O Concello de Viveiro renovará o Parque Infantil de Atalaia

AMariñaXa
A concelleira Miriam Bermúdez sinalou que substituirán os "obsoletos" elementos de xogo
VIVEIRO-19-NOV-Parque-Atalaia
19 Nov 2024

O Concello de Viveiro anuncia a inminente renovación do Parque Infantil de Atalaia. A tenenta de alcaldesa e concelleira de Parques e Xardíns, Miriam Bermúdez sinalou que esta incluirá "a modernización e substitución dos elementos de xogo que actualmente se atopan obsoletos".

Bermúdez sinala que "a intervención responde á necesidade de mellorar os espazos públicos destinados ao ocio infantil". "É un paso importante para asegurar que os máis pequenos e pequenas poidan desfrutar dun entorno de xogo seguro e moderno, adaptado ás necesidades actuais”, engade.

As actuacións previstas como parte do proxecto son a retirada dos elementos existentes, a instalación dun columpio mixto e unha mesa de picnic de plástico reciclado e a colocación de bancos tamén feitos con material reciclado.

Tamén se instalará un chan de caucho encapsulado cunha superficie de 83,20 metros cadrados, mentres que se conservarán 286,80 metros cadrados de zonas de terreo brando. Colocarase así mesmo un novo valado de plástico reciclado, en cumprimento cos estándares europeos de seguridade.

O proxecto conta cun orzamento total de 15.661,97 euros con IVE incluído, contando con fondos provintes da Área de Mocidade dependente da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Desenvolverase nun período de catro meses, garantindo "de xeito inminente un parque renovado e accesible para as familias de Viveiro" en palabras da tenenta de alcaldesa.

0.16862010955811