O Concello de Viveiro recibe unha achega para mellorar o campo de Lavandeiras

AMariñaXa
O Concello de Viveiro recibe unha achega para mellorar o campo de Lavandeiras. O concello redactou o proxecto e presentouno
campo lavandeiras
21 Feb 2022

O goberno local espera agora a colaboración da Xunta para as actuacións

A Deputación de Lugo, a través da súa Área de Deportes, comprométese a achegar unha parte do importe necesario para arranxar o campo de fútbol de Lavandeiras. 

O Concello de Viveiro elaborou o proxecto para executar diversas melloras nesta instalación, solicitando a colaboración económica da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia para poder levar a cabo as actuacións.

Tras a reunión mantida no día de hoxe na Deputación, á que tamén acudiron representantes do Celeiro Club del Mar, a Área de Deportes provincial confirmou a súa colaboración. 

Deste xeito, o Concello de Viveiro e a Área de Deportes da Deputación Provincial asumirían, cada unha delas, unha terceira parte gasto, e o terzo restante o goberno local espera que sexa asumido pola Xunta de Galicia. 

“Neste momento estamos á espera de resposta por parte do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, despois de que tamén se lle enviara copia do proxecto e un escrito solicitando a súa colaboración”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

“Poder contar coa colaboración da Área de Deportes da Deputación é unha boa noticia e entendemos que esta é a forma de traballar, sen que sexa o concello o que teña que asumir todo o custe desta actuación”, engade. 

O Concello redactou o proxecto e presentouno en ambas administracións. Xa se conta co compromiso da Área de Deportes da Deputación e goberno local agarda que pronto poida contar tamén coa colaboración da Xunta de Galicia.

0.17690706253052