O Concello de Viveiro presenta a súa programación polo 25N

AMariñaXa
O día 25 de novembro terá lugar o acto central onde se acenderá unha candea por cada muller asasinada
25N
23 Nov 2024

O Concello de Viveiro presenta a súa programación para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra As Mulleres. Os actos comezarán o luns 25 de novembro cunha concentración ás 12.00 horas na que se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista.

Posteriormente, ás 20.30 horas terá lugar o acto central na Praza Maior do concello, no que se procederá á lectura dos Manifestos e se acenderá unha candea por cada muller asasinada no último ano. Asemade, ao longo da tarde do 25N o Grupo de Participación Xuvenil desenvolverá a acción comunitaria “Di Stop á Violencia”.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca “a necesidade de dotar de recursos á xuventude para combater a violencia contra as mulleres”. “É vital formar á rapazada para inculcar bos hábitos e ferramentas para detectar posibles casos de violencia en todos os sectores da sociedade. Dende Viveiro seguiremos traballando porque ‘Nin unha máis, nin unha menos’”, subliñou a alcaldesa.

Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Lara Fernández Fernández-Noriega tamén incidiu na “importancia de tecer redes cos centros educativos para levar ás aulas actividades formativas de prevención”.

O programa do 25N continuará o 2 de decembro con CINE FORO, espazo no que se proxectará o documental 'En deuda con todas', unha produción que achega a realidade de mulleres doutros continentes e que busca visibilizar a vulneración de dereitos fundamentais que sofren as mulleres no mundo. Dende o Concello de Viveiro agradecen ao Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade esta iniciativa que terá lugar na sala multiusos do concello.

Ademais, ao longo das vindeiras semanas, o Concello impulsa actividades formativas nos centros de ensino de secundaria do municipio. Así, desenvolveranse dous obradoiros -'Previr a violencia e o acoso por homofobia e 'Prevención do suicidio na adolescencia como consecuencia das violencias ou acoso'- e unha charla -'Agresións sexuais e violencia sexual'-.

0.16405987739563