O Concello de Viveiro organiza as VIII Xornadas Cidade de Viveiro de Historia e Arqueoloxía Marítima
O Concello de Viveiro, coa colaboración da Federación Española de Actividades Subacuáticas, organiza as VIII Xornadas Cidade de Viveiro de Historia e Arqueoloxía Marítima, que se celebrarán os días 15, 16 e 17 de novembro.
María Loureiro destacou que se trata dunha cita consolidada a nivel nacional e internacional para "dar a coñecer unha parte moi importante da nosa historia e patrimonio a través de grandes expertos" e subliñou que "estas xornadas son o primeiro proxecto español de divulgación incluído no Catálogo de Boas Prácticas da Confederación Mundial de Actividades Subacuáticas, celebrada en Roma en 2023". O concelleiro, Jesús Fernández, destacou que o programa integra actividades tanto "en clave local, como loxicamente en clave autonómica de Galicia, ou tamén en clave do Cantábrico, como poden ser este ano varias conferencias da parte de Asturias".
Todo comezará o día 15 coa presentación e apertura dunha exposición que vai acompañar as xornadas. Mentres, o sábado 16 haberá charlas durante todo o día, rematando "cunha charla sobre alimentación e cultura marítima cunha degustación de merluza do pincho de Celeiro", sinala o concelleiro. Así, a VIII edición das xornadas concluirá o domingo 17 pola mañá con outras 3 palestras.
“Unha vez máis, todas as poñencias da programación son de primeiro nivel, consolidando un foro que xa é unha referencia a nivel internacional”, apuntou pola súa banda Antón López. As xornadas convertéronse co paso dos anos nun destacado punto de encontro de arqueólogos, historiadores e afeccionados, e conseguiron reunir máis dun centenar de asistentes nas últimas edicións.