O Concello de Viveiro licita as obras do paseo marítimo
O Concello de Viveiro publicou na Plataforma de Contratos do Sector Público o anuncio de licitación das obras para solucionar os problemas estruturais do paseo marítimo, entre o templete da música e o Conservatorio de Música.
O orzamento do proxecto, denominado "Proyecto de Análisis de los problemas estructurales de la fachada marítima de Viveiro y estudio de la solución", ascende a 115.611,76 euros e o seu prazo de execución é de 4 meses.
O prazo para a presentación de ofertas é de 20 días naturais dende o seguinte a súa publicación, rematando polo tanto o vindeiro 28 de outubro de 2021.
As deficiencias estruturais existentes ao longo da fachada marítima consisten basicamente no basculamento cara ó mar, da parte alta do muro de sostemento da fachada marítima, unido a un asentamento do borde exterior da lousa do paseo marítimo. Estas deficiencias orixinaron unha serie de irregularidades na pavimentación, que motivaron o balado da zona co fin de impedir o acceso aos viandantes.
Neste proxecto defínense as obras necesarias para reparar 90 metros da fachada marítima de Viveiro e dotar ao mesmo da protección necesaria para a súa utilización de forma segura por parte da poboación. Entre as actuacións previstas inclúense a consolidación do terreo, a execución da lousa e o reforzo da balaustrada.
Para a execución destas obras, o Concello de Viveiro e a Deputación Provincial de Lugo asinaron un convenio de colaboración, mediante o cal a institución provincial achega un investimento de 100.000 euros para acometer estas actuacións.